Friday 29 de March de 2024

O programa de excursionismo e sendeirismo para persoas maiores Ven e Descubre contará con 1.170 prazas


Decenas de veciños e veciñas participaron esta tarde no acto de presentación do programa municipal Ven e Descubre, que ofrece para este ano 2023 un total de 1.170 prazas para excursións e rutas de sendeirismo para veciños e veciñas maiores de 60 anos. Haberá 15 saídas de excursionismo e 11 de sendeirismo.

 

O excursionismo consistirá en itinerarios culturais con visitas guiadas en grupo durante os meses de maio, xuño e setembro a Oia e Baiona; Lourenzá e Mondoñedo; e Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal. En canto ás rutas de sendeirismo ofértanse itinerarios polo Camiño do Inglés, Camiño do mar Cantábrico, Camiño de Inverno e Terras do Caraballiño.

 

No acto desta tarde tamén se entregaron os premios do IV concurso de fotografía “María José Cayado”, no que puideron participar as persoas que formaron parte do programa do pasado ano. Na categoría de sendeirismo o primeiro premio foi para Angeles Piay Guiance con Foto para o recordo. Na categoría de excursionismo o primeiro premio foi para Manuel Sánchez Remeseiro por Mirando o Cabo do mundo. Concedéronse tamén dous accésits a Begoña Casado Gonzalez por Unha ventá aberta á beleza e á amizade e a José Antonio Martínez González por Románico no ceo.

 

A inscrición a excursionismo abrirase, como sempre, por localidades entre o 11 de abril e o 9 de maio, chamando ao teléfono 981 610 000 de 16:00 a 20:00 horas. Para sendeirismo deberán apuntarse a través da páxina web municipal entre o 9 e o 12 de maio.